A xornada do xoves, 21 de outubro, foi realmente intensa para un selecto grupo de cociñeiros desprazados a Barcelona co obxectivo de promocionar a gastronomía do Camiño da Ría de Muros Noia.
A xornada comezou no Forum Gastronómico da capital catalá. Alí, na caseta da Deputación da Coruña, os nosos cociñeiros realizaron unha dinámica exhibición de showcooking desde ás 12.30 da mañá. O público asistente puido gozar dos extraordinarios Berberechos da Ría de Muros Noia, do peixe Azul de Portosín, de Richóns e de delicias de Porco Celta.
Nesta oportunidade contamos coa colaboración dos seguintes cociñeiros: Montse Santos de Casa do Tella e Rosalía de Portosín (Porto do Son), Pepe Senande de A Muradana (Muros), Manuel Abelleira, de Casa Abelleira de Bertamiráns (Ames) e Manuel Pérez Lois do Fogar do Selmo de Urdilde (Rois).
Estes produtos de altísima calidade, tratados con man experta, recibiron a máxima acollida polo público, convertendo a caseta da Deputación nun punto de paso obrigado na mañá do mércores. A iso tamén contribuíu a presenza nun lugar especialmente destacado dun expositor para degustacións dos licores da Ría.

De Licores Berrimes degustouse o seu tradicional licor café e tamén licor de herbas e crema de augardente; e Val do Traba sorprendeu con Valeria, unha proposta con base de mazá que substitúe ao tradicional vermú, cun sabor máis lixeiro e amable.
O vicepresidente da Deputación coruñesa e responsable de turismo, Xosé Regueira, celebrou esta proposta situando o noso expositor de licores no centro da caseta.

Sen momento para o descanso, os nosos representantes desprazáronse inmediatamente ao Centro Galego de Barcelona, concretamente ao seu restaurante Louro (non podía haber un lugar máis adecuado), un establecimento rexentado por muradáns.

Alí organizouse unha reunión cun elixido grupo de xornalistas especializados en turismo e gastronomía.En primeiro lugar, presentóuselles tanto a Ría como o Camiño, proxectándose os nosos vídeos promocionais. A continuación desfilaron os produtos gastronómicos, cunha selección que deixou o mellor sabor de boca.


Comezou Manuel Pérez Lois (Fogar do Selmo), servindo corte de xamón de Porco Celta. A continuación Pepe Senande serviu berberechos, tanto ao natural como apoiados nunha crema fría que desenvolveu recentemente e que pasará a carta do seu restaurante, un marabilloso produto apoiado pola marca Berberecho de Noia.
Chegou a quenda para o peixe Azul de Portosín: o plan de Montse Santos foi dar lucimento á xarda, en ceviche, e a unhas xoubas sobre un leito mariño de algas.
Pasamos entón ás carnes, e Yolanda e Manuel Abelleira acercáronnos os Richóns (roxóns) que deron fama ao seu establecemento de Bertamiráns desde que a lendaria Evangelina empezou a preparalos hai xa décadas.
Para o peche dos produtos cárnicos, regresou Manuel Pérez Lois cunha degustación de porco celta. E o acto, que podemos cualificar de auténtica festa, finalizou coa sobremesa “Tortilla Romana” de Muros.

Unha xornada moi intensa, que sen dúbida nos axudará á promoción do Camiño da Ría de Muros Noia, e na que unha vez máis os cociñeiros fixéronse merecedores de todo o noso agradecemento.

