Portada » Cómo chegar

Cómo chegar

galería
video

Chegar á Ría de Muros Noia resultará moito máis sinxelo do que te imaxinas.

Se pensas nun lugar que logrou manterse inalterado, conservando a súa esencia e evitando degradacións, inmediatamente te estarás facendo á idea dunhas paraxes inaccesibles e unhas estradas complicadas.

As cousas non son así.

Unha nova vía rápida ( CG 1.5), ao 50% desdobrada en autovía gratuíta (AG-56), sitúanos a tan só 20 minutos da capital santiaguesa. É dicir: somos o mar a 20 minutos de Compostela.

Iso supón que contamos cun aeroporto internacional a pouco máis de media hora (Lavacolla SCQ). E, conectados pola Autoestrada AP-9, dous aeroportos máis: Alvedro LCG, en Coruña a unha hora; e Peinador VGO, en Vigo a moi pouco máis.

Conclusión: somos a ría do centro de Galicia, unha situación privilexiada.

Se és un viaxeiro afeccionado ao touring, tamén é posible que te achegues á nosa ría percorrendo a costa galega. Aquí a clave é a AC-550, que te acompañará polo noso litoral, tanto se entras polo norte desde Carnota (A Costa da Morte) ou se o fas polo sur desde Ribeira (Barbanza).

Hai unha opción máis, cada vez con maior auxe, que veñas en barco. Neste caso a Ría de Muros Noia ofréceche dúas posibilidades. No norte tes a Mariña de Muros, que nos últimos anos está a converterse no porto deportivo emerxente con maiores incrementos de Galicia. Aos seus pantaláns chegan un gran número de iates e veleiros procedentes de países do norte de Europa, que en moitos casos fan base aquí para camiñar ata Santiago.

No sur da ría a outra opción é o Náutico de Portosín, un gran centro de afeccionados á navegación, que che recibirán cos brazos abertos e cunhas instalacións adecuadas para que a túa estancia entre nós sexa o máis pracenteira posible.