Portada » Blog » Cen mil príncipes encantados

Cen mil príncipes encantados

Historias que nos confunden. Estamos no Paraíso, pero aquí o protagonismo non o leva unha retorcida serpe, ese papel está destinado ás rás, xusto como nos vellos contos de príncipes encantados.

Nas selvas ecuatoriais a presencia de tucáns é indicadora da saúde dun ecosistema.  Na nosa terra son as rás, un animal moito máis sensible do que podíamos imaxinar, as que se converten nunha vara de medir a contaminación. A maior presencia de estos anfibios, máis pureza do entorno.

Na nosa visita ás Lagoas de San Pedro de Muro (Porto do Son) xa esperabamos atopar un entorno natural espectacular, pero non agardabamos tal cantidade de pequenos “príncipes encantados”. A cada paso, ducias de pequenas rás de vivas cores verdes, saltaban á auga ordenadamente, como na coreografía de “Escola de Sirenas”.

Camiñar por este territorio é un pracer en todos os sentidos. Nótase que tamén o regato Rial está a gusto, porque parece negarse a verter as augas ao mar. Traza complicados meandros, facéndose o preguiceiro, ata xerar un sorprendente canal dun kilómetro de longo que transcorre paralelo á costa. Trátase dun escenario idílico, que en ocasións recibe o empuxe do mar cambiando a salinidade das augas e revolucionando a vida de todos os que alí habitan.

Estas formas caprichosas dan lugar a variadas zonas para o baño. Os bañistas, que sempre parecen escasos ante a inmensidade do escenario, poden elexir sempre a orientación máis adecuada para tomar o sol. O ambiente é relaxante ao máximo, nada parece perturbar o lugar.

Os sendeiristas tamén semellan felices. Camiños ben trazados lévannos entre unha suave vexetación na que destaca a variedade de especies ornitolóxicas que obrigaron á construción de observatorios. Garzas reais e ánades de todo tipo son habituais nestas latitudes.

Aquí respirarás como en poucos sitios. Á cercanía dun mar batido únese o aroma da vexetación para que cada bocanada de aire se convirta nunha inxección de saúde.

Como sentimos pena por abandoar as lagoas, decidimos acabar con algo moi especial. Ímonos achegar a un lugar próximo no que se atopa un dos elementos máis característicos da Ría de Muros Noia: a ponte de Xuño sobre o río Sieira. Non esperedes unha ponte grandiosa do estilo de Pontenafonso. Trátase dunha pequena ponte medieval dun único arco de escasos 6 metros de lonxitude.

Se trepas por él, pareceráche recio e indestructible, non en van se vai acercando aos mil años, pero dende fóra danos a impresión de ser fráxil e inestable… estas cousas ten o punto de vista, diría Ortega.

Despedímonos da fermosísima ponte de Xuño, unha imaxe que non esquecerás, imaxinando que en realidade trátase do esqueleto dunha ponte, o da columna vertebral fosilizada dun dinosaurio. Unha estrutura que se mantén en pé por sortilexio. Cousas de contos de príncipes encantados. Cousas dunha terra de conto.