Portada » Lousame

Lousame

galería
video

O municipio ten unha superficie de 93 km². Limita ao norte co municipio de Brión, ao sur con Boiro e Rianxo, ao leste con Tois e Dodro e ao oeste con Porto do Son e Noia.

No ano 2.016, segundo o INE contaba cunha poboación de 3.429 habitantes.

Lousame é un municipio principalmente agrario. Está dividido en 7 parroquias e agrupa 86 núcleos de poboación segundo o PXOM de Lousame (75 segundo o INE), todos eles son pequenas aldeas que non exceden os 250 habitantes. A capital municipal é a aldea de Portobravo.

Desde o punto de vista da paisaxe, podemos dicir que en Lousame hai unha gran variedade, derivada dos fortes contrastes morfolóxicos. Dado que no territorio municipal atopámonos cos dous puntos máis elevados da comarca, A Muralla e o Iroite, isto permite que as panorámicas que se poden obter tanto das rías de Muros e Noia como de Arousa e do propio municipio, así como dos circundantes, sexan moi variadas.

É tamén unha paisaxe no que a auga ten moita relevancia, dada a abundancia de cursos fluviais e pequenos regatos en todo o territorio municipal. Reflexo desta importancia son a abundancia de muíños e fábricas de papel que hai nas ribeiras dos ríos, que nos deixan unhas paisaxes nos que a auga é protagonista indiscutible, directa ou indirectamente.

Pero os protagonistas da paisaxe de Lousame son os montes, pola súa predominancia, e a vinculación que desde sempre teñen os seus habitantes con eles, tanto como lugar de traballo, como fábrica natural de recursos (leña, piñas, fentos, madeira, caza e, máis recentemente, cogomelos), e tamén como sitio de goce no que pasar o tempo de lecer, xa sexa en romarías, paseos ou camiñadas.