Sitúase no punto máis interior da ría Muros Noia, a máis setentrional das Rías Baixas. Noia ten unha superficie de 37,21 km²., e conta con 33 754 habitantes, 14 337 deles censados no termo municipal.
O municipio sitúase ao sur da desembocadura do río Tambre, lindando ao norte con Serra de Outes e Brión. É a parroquia de Roo a que se atopa nesta desembocadura, e xa a comezos da ría de Muros Noias, no lugar da Barquiña.
O centro urbano en si, atópase na desembocadura doutro río, o Traba, e comprende a vila de Noia, e as parroquias de Santa Cristina de Barro e Santa Mariña de Obre. Ao Leste limita co municipio de Lousame. Desde o centro de Noia pódese gozar da ría e das súas parroquias máis ao sur: as de Boa e Argalo, coa que xa limita o municipio de Noya co municipio de Porto do Son.
Dentro do termo municipal de Noia existen dúas zonas diferenciadas, unha zona litoral de pouca altitude que cobre a maior parte do municipio e outra zona de carácter máis montañoso.
A primeira, a zona litoral, non supera o 200 m., as altitudes oscilan entre o nivel do mar e os 100 m e é aquí onde se sitúan a práctica totalidade dos núcleos urbanos do municipio.
A zona montañosa divídese á súa vez en dúas zonas, a máis montañosa situada no Nordés do municipio, na parte oriental da parroquia de Roo.
A outra zona montañosa é a que se sitúa ao suroeste do municipio, na zona interior da parroquia de Boa e o sur e oeste da parroquia de Argalo. Nesta zona comeza a Serra do Barbanza, da cal só un monte pertence ao municipio de Noia, o San Lois. O San Lois cos seus 363 metros é posiblemente o monte máis emblemático do municipio, desde el aprécianse unhas espectaculares vista da ría así como de toda a vila.