Ruta polos montes Castelo e Tremuzo (Outes)
Impresionantes vistas dende o fondo da ría
Ruta amarela: A primeira das rutas de Outes, que se combina coa de Noia na zona do Tambre, lévanos a unha das subidas máis fortes do conxunto de percorridos btt sinalizados. Estamos a falar do Monte do Castelo desde onde teremos a sorte de contemplar unhas das vistas máis espectaculares da Ría e de desembocadura do Tambre. Ao mesmo tempo visitaremos a zona coñecida como Pedra Serpal. Desprazarémonos por distintas zonas rurais, como Cuns, Os Casais, Buiste, para cruzar cara á zona de Outes por carreiros rápidos e que desembocarán no Paseo Fluvial do Río Tines. Antes, poderemos visitar distintos muíños na zona da Ponte do Ruso para logo percorrer o entretido carreiro do Río Tines ata chegar a Serra de Outes. Ruta verde: A segunda ruta, onde tamén teremos unha boa subida ao Monte Tremuzo, deleitaranos coa Ría de Noia e Muros en todo o seu percorrido. Desde este monte, as vistas son dobremente recomendables xa que ao estar a medio camiño cara a Muros, poderemos observar o principio ou bocana da ría cara a Monte Louro e o final da ría cara a Noia, tendo en fronte, alén, o Monte San Lois e o Iroite. Distintos elementos arquitectónicos como cruceiros, igrexas, etc., acompáñannos por toda a ruta. Finalmente pasaremos polo Freixo, Porto de Outes, onde a carpintería de ribeira segue facendo e reparando barcos. Os muíños do regacho de Aldán son unha visita obrigada e a Senda Verde que conecta O Freixo con Outes permitiranos pasear polas praias do Concello.