Ruta do Monte Louro (Muros)
Esta ruta discorre por un dos concellos con maior identidade rural e forestal da Ría de Muros – Noia; pero ademais este percorrido depararanos grandes sorpresas, xa que nos levará a descubrir o importante patrimonio industrial que todavía se conserva.
Roteiro circular que comenza no peirao pesqueiro de Muros a poucos metros da praza onde se atopa a Casa do Concello. A primeira parte da ruta segue a liña de costa ata O Muíño Cachón, un muíño de mareas, desde onde comeza a subida ao Monte Laxeiras, onde un pequeno desvío nos leva á Cruz dos Pelos, o primeiro dos altos que nos amosa unha panorámica da Ría de Muros Noia. Desde este punto continuaremos o noso descenso ata o Outeiro do Milladoiro, unha torre de vixilancia que nos permite ver desde a ría de Carnota polo norte ata Corrubedo polo sur. Un lugar para gozar de espléndidas vistas.
Desde as proximidades deste punto comezamos a descender ata o Ancoradoiro por pistas forestais que nos volverán ofrecer unhas vistas privilexiadas, esta vez da paraxe natural do Monte Louro, co seu sistema de lagoas e dunas. Esta montaña será atravesada pola súa base nun percorrido con mostras dun pasado recente onde a agricultura, a arquitectura popular e os antigos camiños se fan presentes para o noso gozo. O final desta ruta pasará polas inmediacións do convento de San Francisco, onde o seu Vía Crucis indica o inicio do último esforzo a realizar nesta etapa. Esforzo que conduce á Laxe das Rodas, un dos petróglifos máis interesantes da zona.
Finalmente regresaremos ao noso punto de partida nun lixeiro descenso que nos permitirá seguir gozando das vistas ata o último momento.


