Portada » FAQs » Muros Noia, destino seguro

Muros Noia, destino seguro

 

A Ría de Muros Noia enfróntase a un gran desafío

Un obxectivo esixente, pero alcanzable, é posiblemente a mellor fórmula para lograr os resultados desexados. Para iso necesítase altura de miras. Perspectiva.

Entremos en materia…

É indubidable que a natureza foi especialmente xenerosa coa Ría de Muros Noia. Os nosos 5 concellos asómanse arredor dunha ría na que a beleza da paisaxe salta á vista.

Fermosos areais, ríos serpenteantes, montes míticos… todo o que podemos esperar da ría mellor conservada de Galicia ofrécenolo “a Ría da Estrela”. Tamén a man do home deixou un pouso atractivo. O sorprendente castro de Baroña, as fábricas de papel abandonadas do roteiro dos ríos Vilacoba e San Xusto, o recinto histórico de Noia, a arquitectura mariñeira de Muros ou as pontes medievais poden ser bos exemplos históricos.

O resultado final supón un enorme desafío. A combinación da natureza e o legado histórico dos nosos antepasados entrégannos un tesouro. A nosa obrigación é esforzarnos para afrontar ese reto.

Os cociñeiros xa souberon estar á altura do extraordinario produto da ría, potenciando o agarimo e o bo trato na elaboración desas materias naturais. Nesta ocasión o desafío complicouse e é dobre: ser merecedores dese legado e á vez superar con nota os problemas causados pola crise sanitaria.

E temos que dicir que estamos lográndoo.

Puxemos en marcha un servizo de asesoramento e implantación de medidas, para que toda a nosa hostalería e todas as empresas turísticas que prestan os seus servizos no noso territorio se adapten ás prescricións dos manuais da Xunta de Galicia.

Dotóuselles de cartas e tarifas dixitais, visitóuselles e explicado detalladamente os protocolos. Incidimos de forma especial na adaptación individualizada de todas as medidas á realidade de cada establecemento concreto. En definitiva: traballouse moito e séguese traballando para conseguir que a nosa ría sexa considerada un destino seguro.

Ao legado dos vellos tempos, queremos engadir esta nova iniciativa. A colaboración das empresas foi exemplar. A Ría de Muros Noia traballa como un auténtico equipo. Perseguimos un obxectivo común e non pararemos ata alcanzalo. Queremos ser un referente peninsular como destino turístico tranquilo, perfecto para quen escape das masificacións. Un destino sereno. Fermoso. Con extraordinarias pinceladas históricas e cunha gastronomía suxestiva. Cunha fermosa paisaxe natural e unha non menos fermosa paisaxe humana.

E agora tamén queremos algo máis: un destino seguro.

Para que sempre queiras volver a esta terra eterna.