Portada » Blog » Coñécete a ti mesmo: filosofando por Galicia

Coñécete a ti mesmo: filosofando por Galicia



A Ría de Muros Noia, razón e corazón para converterse no destino de moda en Galicia

A filosofía, como a poesía, require dun adecuado estado de ánimo; e no ánimo das persoas os factores ambientais inciden de maneira irresistible. É difícil imaxinar ao infeliz Goethe escribindo desgracias nunha ruidosa plataforma do metro madrileño. Para compensar aos visitantes da meseta, recoñeceremos que as extensións castelás sempre foron máis adecuadas para a mística que a nosa orografía galega, tan sobrada de matices. Pero esta vez imos falar dun territorio galego singular, un escenario onde a variedade e beleza da contorna non nos distraen, ao contrario: reforzan o sentimento de acharnos nun territorio eterno.

Imos contemplar a Ría de Muros Noia coma se mirásemos dentro de nós mesmos. Comecemos polo principio, aceptemos o aforismo grego: “coñécete a ti mesmo”. Non é un mal principio: que viñeches buscar? Desconfía de destinos turísticos que cho ofrecen todo. Un destino turístico non é un bazar chino. Tampouco debe ser un recinto especializado, a vida non é un parque temático; pero si que debe ter claros os principios esenciais da súa identidade.

Demos un salto no tempo e empreguemos un procedemento analítico para desentrañar a esencia desta ría. Descartes estaría contento.

Dous son os seus elementos craves: autenticidade e sustentabilidade.

A autenticidade percibímola cos nosos cinco sentidos: é sinxelo recoñecer a que nos enfrontamos. Locke empregaría ensaio e acerto: estamos ante un territorio sen filtros, tal cal é. O sensible e o intelixible mestúranse de igual a igual.

Platón mostraríase desconcertado ao descubrir que a súa idea dun territorio ideal atópase fronte a un territorio real. Peixes e mariscos móstranse tal como son, sen preparacións que enmascaren os seus sabores. Os museos non acollen creacións, acollen tradicións.

Se reflexionamos no tempo, lembraremos a Parménides: o ser é, o non ser, non é. E está claro que a ría de Muros Noia é… e quere seguir sendo.

Aí atopamos o segundo elemento clave: a sustentabilidade. Este territorio librouse do desenvolvemento aniquilador, e sabe que ese é o seu gran tesouro.  Kant daríanos a razón, xa que dalgunha forma seguimos os preceptos do seu imperativo categórico: queremos que a nosa forma de entender o turismo responsable se converta en lei universal. Para moitos xa é tarde, pero para esta ría non. E é algo que gozarás dende a túa chegada.

A cita latina é “primun vivere, deinde philosofare”. Pero aínda que o deixamos para o final, o que che propoñemos é vivir unha experiencia extraordinaria nun territorio que se sabe eterno. Equitación, descende barrancos, navega, pero sabendo onde estás e que representa esta contorna. Heráclito non se bañaría dúas veces na mesma praia, pois tería ducias de opcións. Aproveita as nosas propostas de actividades e goza. Vai ao monte Louro, fai sendeirismo polo Enxa; visita o museo mineiro de San Finx ou o inigualable Castro de Baroña; sorpréndete no museo de laudas noiés ou nas rúas de Muros.

En definitiva: “Filosofa, pero vive”.