Portada » Produtos da terra

Produtos da terra

galería
video

Imos ás praias. Desde os miradoiros contemplamos a ría. Vemos a miles de persoas traballando na pesca ou o marisqueo. Chamámoslle berberecho mesmo ao rally local. Todo o intre temos o mar nos nosos ollos e na nosa cabeza. Desta forma non é estraño que minusvaloremos os produtos da terra. Pois ben, imos dedicarlle este parágrafo á súa defensa.

A excepcionalidade dos produtos da ría non nos debe facer perder de vista a importancia das hortas. Non só polo aspecto secundario: patacas, cebolas, pementos… ou de “colaborador necesario”: como fariamos unha empanada de berberechos sen o millo adecuado?

Pero hai algo máis. Contamos cunha cabana gandeira de gran calidade. No interior de Outes e Lousame prodúcense carnes de gran calidade. Fagamos a proba. Se somos un grupo numeroso, sempre haberá alguén que non queira pescado (hai xente para todo…). Pois ben, deixémoslle que pida un entrecosto ou unha costeleta. Posiblemente a ración sexa moi grande (en Galicia somos así), é probable que lle sobre algo. Probémoslo. Xa verás que sorpresa. Dos produtos do mar xa esperabamos esa calidade, os da terra cóllennos de improviso. Posiblemente te atopes felicitando ao cociñeiro pola calidade da carne servida nun porto pesqueiro. A nós pasounos…

Por último non podemos deixar de celebrar tradicións populares como as famosísimas festas patronais, que en Lousame déixannos a todo o pobo dedicado á preparación dun tradicional cordeiro do que nos acordaremos toda a vida.