Praias da Ría de Muros Noia

A Ría de Muros Noia ofrece aos seus visitantes innumerables praias: unhas de areas acolledoramente protexidas polo bosque de piñeiros, outras dunha extensión inmensa que se abren sen medo ao mar e aos ventos oceánicos facéndoas idóneas para a práctica de deportes de vento (windsurf, parapente, vela,…), por último, conta con fermosas calas de minúsculas dimensións e escaso perigo que agardan polos que buscan tranquilidade e descanso.

Seguro que o que se achegue buscando sol e praia non sairá decepcionado da súa elección, xa que ao noso benigno clima e escasas precipitacións estivais súmanse aos brancos e casi virxes areais que nos rodean, creando unha contorna de gran beleza á que poñen inigualable pano de fondo os escarpados montes que se alzan maxestuosos a escasos metros da ribeira. Así mesmo tódalas nosas praias contan con boas comunicacións e accesos, ademais de excelentes infraestruturas para o lecer (grellas e mesas para as comidas campestres a pé de praia). Achégate e compróbao!

 

leer más

Ancoradoiro

Compartida co veciño concello de Carnota, a Ría de Muros Noia comeza ao norte coa fermosa praia de Ancoradoiro. A súa extensión é de 1.000 metros por 50 de ancho. Trátase dunha praia de pouca ondada, de augas transparentes e de area sorprendentemente branca e fina. Conta con bos accesos, pero iso non lle impide manter un excelente aspecto de praia natural. No seu extremo norte destaca a presenza do fermoso faro de Lariño e máis de lonxe podemos contemplar como o Cabo de Fisterra penetra no mar facéndonos sentir que nos atopamos no auténtico fin do mundo.

Areia Maior

Seleccionada recentemente entre as 10 praias quilométricas máis belas de España,  Areia  Maior une á beleza do areal a impresionante presenza do mítico monte Louro e a rica lagoa de Xalfas; entre os tres elementos compoñen unha das estampas máis atractivas de Galicia. A praia, un quilómetro e medio de fina area rexistra unha aceptable ondada, o que a fai propicia para a actividade do surf. O acceso foi reacondicionado recentemente e tamén hai facilidade de aparcamento a uns 200 metros.

Fogadeiro

Separada da Praia Goday pola rampa de acceso aos restos dunha primitiva empresa conserveira, a Praia de Fogadeiro comparte as mesmas características da súa veciña: praias tranquilas, resgardadas, pouco concorridas e cunha boa orientación ao sur.

Goday

Acubillada do norte polo monte Louro, a resgardada Praia de Goday evócanos recordos das orixes da industria conserveira galega. Trátase dunha praia  duns 150 metros, ben orientada ao sur, cunha atractiva combinación de area e rochas, e sempre moito menos concorrida que a súa veciña praia de San Francisco.

San Francisco

O belo areal de San Francisco é un dos máis frecuentados polos bañistas da nosa ría. Cuns 800 metros de fina área, as súas boas condicións para o baño deron lugar a unha gran concentración de servizos de hostalaría que converten a este punto nun dos máis animados da comarca. A isto contribúe moi eficazmente a silueta do monte Louro que a protexe do vento do norte, converténdoa nun lugar moi apetecible para un chapuzón.

A Vouga

A praia de A Vouga, e a súa veciña O Espanadal, están situadas ao sur da máis popular de San Francisco. Son areais con moi pouca inclinación, moi cómodos para o paseo, pero que parecen desaparecer coa marea alta. Entre as dúas case alcanzan os 700 metros. Nas súas inmediacións hai un animado camping co mesmo nome.

O Castelo

Tamén coñecida coma praia  Prudencia, trátase dun típico exemplo de pequena praia urbana. 200 metros de fina area, moi ben resgardada, en pleno centro da vila de Muros. De fácil acceso, as súas augas son moi tranquilas e a ocupación adoita ser media.

Da Virxe

Situada fronte ao Santuario Virxe do Camiño, do que toma o nome, trátase dunha praia urbana situada ao fondo da rada, o que non a converte nun areal moi aconsellable para o baño, pola menor renovación das augas.

Anido

Trátase dun areal con moi pouco desnivel, o que causa grandes variacións da súa morfoloxía. A súa area é fina e está moi ben resgardada dos ventos. Pese a atoparse nun núcleo habitado, conta con moi pouca afluencia de público.

Da Rocha

A pequena praia da Rocha (60 metros) destaca polo seu peculiar contorno, máis propio de cala afastada que dun areal urbano. As edificacións da súa boca resultan moi atractivas, pero a praia rexistra moi pouca afluencia, parecendo máis propia para a visita ou a foto que para o baño.

Area Triga

Bela cala de menos de 40 metros, moi resgardada e ben orientada. Non dispón de servizos e o seu acceso é complicado, debendo camiñar por sendeiros dende a AC-550, polo que o nivel de ocupación é moi baixo.

Ventín – O Salto

Praia natural de 250 metros de area fina. A súa localización nunha zona semiurbana da parroquia de Abelleira, fai que, pese a contar cunha zona de esparcemento, facilidade de acceso, aparcamento e cunhas augas moi tranquilas, o grao de ocupación non adoita pasar de medio – baixo.

Liñares

Veciña da máis famosa praia de Bornalle, a praia de Liñares ofrece un moito menor índice de ocupación. Trátase dunha praia de area fina duns 200 metros, cun moi pouco nivel de inclinación e augas moi tranquilas. Conta con servizo de duchas, o acceso pode realizarse en coche e, aínda que non hai excesiva zona de aparcamento, esta pode resultar suficiente.

Bornalle

Precioso areal situado nunha estreita lingua que protexe a parroquia de Abelleira. Trátase dunha das estampas máis características da Ría de Muros Noia. Ademais da súa beleza natural, conta cunha serie de hórreos, moi mariñeiros, que fan que tamén se lle coñeza por ese nome. Inclúe un piñeiral, mide uns 800 metros, a area é fina e  atópase ben resgardada.

Salgueiro

Alcanzar a praia de Salgueiro supón pasear uns 500 metros por uns camiños que nos sorprenderán tanto polo frondosos como polo ben coidados. Neste caso o camiñar será unha parte do atractivo. A pequena praia é unha combinación de rochas e area fina, chamándonos a atención os restos dunha antiga carpintería de ribeira (de Tal), especialmente os piares de granito antigamente utilizados para fixar as embarcacións de madeira.

Seixal

Pequena praia de 100 metros de area branca, combinada con rocas, situada en zona semiurbana. De augas tranquilas comparte acceso coa veciña praia de Cabanas. A variación das mareas pode reducir extremadamente o aforo, aínda que a afluencia de bañistas adoita ser baixa.

Cabanas

Cunha lonxitude de 100 metros e unha anchura de 20 metros, esta bonita praia caracterízase por ter unha area branca e augas tranquilas. Un vello pantalán convértea nunha praia extraordinariamente recollida, o que unido á súa orientación sur fai de Cabanas unha boa opción para eses días menos propicios para ir á praia. Convivirás con pequenas embarcacións.

Fontela

Pouco antes de chegar ás praias máis urbanas de Agrocobo, O Portiño ou Parameán, a ría de Muros Noia ofrécenos outra encantadora cala con fácil acceso. Moi ben orientada ao sur, é unha praia de augas tranquilas, fina area e moi recollida, Fontela é unha opción moi recomendable para o baño.

Agrocobo

Xunto ao porto de Esteiro (Muros),  Agrocobo é unha praia de pouca anchura de area, que se combina con formacións rochosas de distintos tamaños, polo que resulta visualmente atractiva. As súas características non lle permiten admitir a moitos bañistas (aínda que o acceso é perfecto e o aparcamento sería amplísimo), pero os que accedan a ela poderán gozar dunhas tranquilas augas e un ambiente recolleito.

Parameán

Trátase do areal de maiores dimensións de Esteiro. Resgardado e cunha curiosa forma, é unha praia con nivel de ocupación medio/alto, ao que tamén contribúe un paseo e pasarela sobre o río. As augas tranquilas, contorno suave, fácil acceso en vehículo, duchas e servizos de hostalería próximos son outros motivos para que os seus 300 metros de fina area reciban ese nivel de ocupación.

O Portiño

O Portiño do Maio é unha pequena cala duns 50 metros, situada xunto á AC-550. A zona é bastante urbana, a praia é bonita, con fina area dourada, augas tranquilas e boa orientación, pero a dificultade para lograr aparcamento fai que a súa ocupación sexa baixa, de sobre todo veciños, dirixíndose os visitantes a outros areais maiores.

Medrón – Uía

Praia de 250 metros de area branca e augas tranquilas. Situada nunha zona semiurbana, a ampla oferta de areais fai que a súa ocupación non pase de media. Conta con servizo de duchas.

Arnela
  • Custarache alcanzar a pequena cala de Arnela (Outes), pero se te animas a descender por un camiño inclinado, ao final espérate unha tranquilísima praia de menos de 50 metros, protexida pola vexetación, con augas tranquilas e unha boa orientación. A primeira e última hora do día, as árbores poden tapar o sol, pero nas horas centrais é unha boa opción para aqueles que valoran especialmente a tranquilidade.
Corbeira

A punta de Corbeira ofrécenos un pequeno areal de pouco máis de 100 metros. O acceso é máis complicado do que pode parecer, xa que o paseo marítimo non a alcanza debido á presenza dun estaleiro, polo que é preciso rodear as vivendas para  chegar por outro camiño. Combina area con bastantes formacións rochosas, que non facilitan o baño. A pesar de estar en zona urbanizada, carece de calquera tipo de servizo.

Siavo

A praia de Siavo ou Portosiavo é unha areal de máis de 250 metros de area máis ben grosa, con algunhas formacións rochosas. Ten moi pouca inclinación, pero para camiñar resulta aínda máis recomendable o paseo urbano que transcorre de forma paralela. O acceso é cómodo e conta con aparcamento, pero non con servizos.

Broña

Broña é a praia de maiores dimensións de Outes. Con case 500 metros de area entre branca e dourada, conta cun cómodo acceso, zonas de aparcamento, merendeiro baixo un piñeiral, duchas, papeleiras, bancos… Por todo isto trátase da praia de maior índice de ocupación do municipio, un fermoso areal, que desde a súa situación ao fondo da Ría de Muros Noia ofrécenos unha espectacular perspectiva da mesma.

Bitueira

Á beira da praia de  Broña, unha cala menor duns 100 metros, ofrece un contrapunto para aqueles que priman a tranquilidade. As condicións do baño, características da auga e area son similares ás de Broña, a diferenza é a dificultade de acceso e a inexistencia de servizos, a peaxe que hai que pagar se buscas intimidade.

Testal

A praia de Testal evócanos máis o marisqueo que o baño, xa que se trata dunha das grandes zonas de extracción da Ría de Muros Noia. Pero a praia tamén recibe bañistas grazas á súa proximidade ao núcleo urbano de Noia, servizo de duchas, fácil acceso e amplitude de aparcamento. O areal é moi sensible ás mareas, como adoita suceder neste tipo de praias de interior.

Mexilloeira

Preciosa praia duns 250 metros e forma de semilúa. O acceso é algo máis complicado que o das praias veciñas, sendo necesario percorrer un pequeno carreiro para chegar a ela. Esta circunstancia fai que sexa pouco coñecida e o nivel de ocupación resulte baixísimo, o que sorprende nun areal tan apropiado para o baño.

Boa Pequena

A contorna algo menos urbanizada provoca que teña unha menor ocupación que a súa veciña Boa Grande, coa que comparte moitas das súas virtudes. Esta é unha praia duns 150 metros de area fina, con augas tranquilas e fermosas vistas.

Boa Chica

A menor das tres Boas atópase situada no centro. Trátase dunha pequena cala coas mesmas características xerais das outras, diferenciándose por un aspecto moito máis recolleito e íntimo.

Boa

Tamén coñecida como Boa Grande, trátase dunha praia de tamaño medio (500 m.) situada en territorio urbano, dotada dalgúns servizos e certa oferta hostaleira. A súa fermosa forma de media lúa atópase moi resgardada e as augas son moi tranquilas, o que contribúe a que a súa ocupación sexa alta.

Ornanda – As Gaivotas

Coñecida tamén co nome de praia das Gaivotas, trátase dunha excelente praia de 350 metros de area fina. Fácil acceso, augas tranquilas e servizo de duchas son outros aspectos que fan de Ornanda unha praia de alto nivel de ocupación.

De Gafa

Coa típica forma de enseada, a praia de Gafa ofrécenos algo menos de 100 metros de branca area e augas tranquilas, está situada nas inmediacións do Club Náutico de Portosín. O acceso é cómodo, a zona está bastante urbanizada. Carece de servizos.

Moira

A praia de Coira está situada na contorna urbana de Portosín. Trátase dun areal de fina area de cor branca, e grandes dimensións, superior ao quilómetro de extensión. É moi frecuentada por veciños e turistas. A ondada é moderada, pero xa mostra maior  viveza que nas praias máis de fondo de ría. Conta con servizos e equipamento de hostalaría.

De Pozo

Chega a quenda de dúas praias mellizas, que non xemelgas. Non se xustifica o exceso no cambio de nome, tan escaso por outra parte (Praia de Pozo, Praia do Pozo). En conxunto achéganse ao medio quilómetro de area finísima e ondada moderada.

Do Pozo

Vale o mesmo que o comentado para a súa irmá a praia de Pozo. Ondada moderada, fina area, fácil acceso e carencia de servizos nuns fermosos areais situados na zona semiurbana.

Aguieira

A contorna virxe, a súas grandes dimensións (1.300 metros de area fina) e a tranquilidade das augas convértena nun dos areais máis visitados da ría. Conta con servizos, facilidade de acesso, incluso para discapacitados, e algún servizo de hostalaría. As súas dimensións fan que a súa morfoloxía sexa variable, cunha zona central de menor ocupación e incluso algunas zonas adicadas ao surf.

Caveiro

En Caveiro (tamén Cabeiro ou incluso Caaveiro) empezamos a notar unha situación máis cercana á boca da ría. O mar é máis aberto e a oleaxe comeza a activarse. Este areal ofrece 750 metros de fina area e unha bela forma de enseada. O seu fácil acceso fai que se trate dunha praia con alto nivel de ocupación. Dispón de servizos.

Sub igrexa

A primeira das praia urbanas de Porto do Son non se merece un nome tan pouco poético. Situada baixo a igrexa de San Vicente de Noal, ofrécenos uns centos de metros de fina area e reducida ondada, pois xa se empeza a notar o efecto protector do porto.

Do Cruceiro

A praia do Cruceiro, ou praia do Son, é o prototipo de praia urbana. Os espigóns converténa nunha praia de ondada moi reducida, onde gozar en familia da súa fina area. Mide uns 200 metros e ofrece servizo de duchas, fácil acceso, prazas de aparcamento cercanas e locais de hostalaría.

Fonforrón

A praia de Fonforrón está formada por un conxunto de areais unidos ata unha extensión superior ao medio quilómetro. Combina area fina con algunas rochas en sentido lonxitudinal, típico desta zona. A oleaxe xa se empeza a notar, polo que podemos atopar surfeiros.

Arnela

Algo menor que a veciña de Fonforrón, pero cunha contorna máis definida, a praia de Arnela fai valer a súas vantaxes. A profundidade de area é maior, o que limita a súa dependencia das mareas. Está situada ao borde da estrada, con algunhas prazas de aparcamento, o que aumenta os índices de ocupación. A beleza do conxunto, a situación fronte ao monte Louro convértea tamén nun recurso frecuente de fotografía.

Baroña

Situada á beira do espectacular Castro de Baroña, a praia é un areal illado duns 500 metros de area branca e dourada. A ondada segue a ser moderada. O acceso require dun paseo por camiños con alguna lixeira dificultade, o que xoga contra os seus índices de ocupación, característica que a converteu na praia nudista máis característica da ría.

Area Longa

Parella da praia de Baroña, un novo areal de tamaño similar (uns 500 metros) ofrece unhas características similares, nudismo incluído. As dúas praias están cercanas, pero unhas formacións rochosas dificultan o paso dunha a outra. Non confundir coa praia de Areas Longas, que atoparemos máis ao sur.

Do Dique

Tamén coñecida como a praia do río Maior, é unha cala de gran beleza e moi protexida. Se accede por un camiño, algo deteriorado nos metros finais, pero este areal compensa o esforzo. Area fina e moita profundidade facilitan atopar unha zona resgardada. A contorna natural virxe debe ser o máis valorado se te decides por esta opción.

Queiruga

Gran praia superior ao quilómetro de fina area. Aberta, xa cerca da entrada da ría, mostra unha ondada moderada. A contorna virxe mostra un sistema dunar ben conservado, característica que comparte con outros grandes areais situados máis ao sur. O acceso é sinxelo e o seu nivel de ocupación é medio. Pode mostrarse máis ventosa que os areais situados máis no interior da ría.

Do Porto Nadelas

Un porto natural no que a erosión do vento e do mar deron curiosas formas a algunhas rochas, é a característica máis destacable do Porto Nadelas. Entre as rochas, algunhas acumulacións de area permítennos chamala praia, se ben non é un areal ao uso. O acceso é fácil, compartido co veciño santuario da Virxe do Carme.

Dos Conchidos

Coma no caso de Porto Nadelas, as formacións rochosas son o máis destacable da praia dos Conchidos. O acceso é complicado e as condicións do baño, entre tanta rocha, non son as mellores. É unha proposta para aqueles que valoran especialmente a tranquilidade e a intimidade.

Río Sieira

Coñecida tamén como a praia de Boca de Río, e en ocasións diferenciada nunha zona co nome de praia da Coviña (por un Piñeiro cercano), estamos ante un quilómetrico areal de augas abertas e fina area, entre branca e dourada. O acceso é fácil e conta con algunhas posibilidades de aparcamento. É unha praia frecuentada por afeccionados ao surf.

Das Furnas

A fama outorgada pola película “Mar adentro”, que narraba o desgraciado accidente de Ramón Sampedro, convértea nunha das praias máis coñecidas desta ría. O nome das furnas vén dado polas súas curiosas formacións rochosas, que en ocasións serven de afortunados paraventos naturais. É unha praia de grandes dimensións e moi aberta nunha contorna virxe. Destino habitual dos amantes do surf. Conta con servizo de duchas e establecementos de hostalaría.

Areas Longas

Non confundir coa praia de Area Longa, situada nas inmediacións do Castro de Baroña. Trátase dun vasto areal moi salvaxe, que forma un conxunto de varios quilómetros coa praia de Basoñas e a da Lagoa. Para o acceso é preciso camiñar por uns carreiros ben coidados. Carece de servizos. A ondada pode ser forte e o vento converterse nun veciño molesto.

Da Lagoa

Formando conxunto con Basoñas e Areas Longas, debemos destacar a contorna virxe destes areais e a beleza do paseo polo que se coñece como lagoas de San Pedro, un territorio pertencente á rede Natura 2000, que te sorprenderá pola combinación de dunas e lagoas nun ambiente absolutamente natural.

Basoñas

Quilómetros de area fina nunha praia aberta, con forte ondada e presenza habitual de vento. É unha praia virxe, apta para o surf e o contacto coa natureza, nada que ver cos areais urbanos dotados para un turismo familiar. Debes saber que aquí  ofrecémosche un escenario que che fai pequeno e que hai que saber gozar.

Seráns

A praia de Seráns, tamén coñecida como Espiñeirido, despídenos polo sur da ría de Muros Noia. Trátase dun fermoso areal de mar aberto, totalmente virxe, que se converte nun paraíso para os amantes do surf. Comparte características con Basoñas, Areas Longas, e a praia da Lagoa: grandes expansións de fina area, con ondada abundante e presencia de vento; dunas ben coidadas e interesantes recursos de fauna e flora.