Dicir que sobran miradoiros sería unha herexía, pero si podemos dicir que a ría de Muros Noia é ben variada para que gocemos de belísimas vistas.
Toda a contorna da ría atópase flanqueada por uns montes que, aínda que non alcanzan elevadas altitudes, están tan perfectamente situados que parecen auténticos postos de vixilancia. Atopámolos a ámbolos dous lados da boca da Ría. Atopámolos ao fondo da mesma. Están na vertente norte, mirando cara ao sur, e viceversa. O máis alto de todos eles queda nuns escasos 600 metros, menos que a meseta castelá… pero desde a súa privilexiada situación, todos nos permiten gozar dunhas vistas excepcionais que a continuación che propoñemos. Sobe a pé, en coche, en bicicleta ou moto. Non te arrepentirás!