Podemos respirar tranquilos: confirmamos que hai vida máis aló das estrelas Michelín.
O mundo da gastronomía é un universo complexo. Sometido de entrada á inevitable (e estimable) temporalidade dos produtos, foi engadindo novas complicacións. Unha pertinaz crise económica quizá fose a máis grave de todas, pero outros nuboeiros cubrían o ceo das cociñas.
O peor de todos: as modas.
Poderían significar progreso, ou iso é o que deberiamos esperar dunha evolución constante, pero con frecuencia o que a moda nos ofrece é a banalidade duns cambios irreflexivos. Ser volubles coa vestimenta pode supoñer entretemento e alegría. Selo entre os fogóns adoita significar a perda do bo facer e de receitas tradicionais que son parte do noso patrimonio cultural.
Se sazonamos con outros malos condimentos: as présas na elaboración, o desexo de rendibilizar rapidamente un local ou a escasa profesionalidade do servizo o resultado pode ser un prato indixesto.
Sigamos respirando.
Se dicimos que hai vida máis aló de Michelín, das modas ou da mala calidade é porque hai unha cociña que pode buscar outro camiño.
Estamos a referirnos á cociña de produto.
Pode entenderse como unha solución sinxela, pero isto é pura aparencia. O produto de gran calidade leva parello un custo elevado: obriga a contar cun cliente que o valore. Obriga tamén a un tratamento sinxelo. Non quere dicir simple. Sinxelo porque renuncia ao superfluo, ao artificio. Os poetas, consumidos pola procura da palabra exacta (esa e só esa) saben moi ben a que nos referimos.
Os cociñeiros da nosa ría soubérono interpretar. Eles desenvolvéronse profesionalmente enfrontados ao desafío dun produto inigualable. Estar a esa altura supón moito esforzo e moito compromiso cun territorio.
O GALP Costa Sostible fixo ese mesmo razoamento e aprobou márcaa Km. 0 Mar Galaica, toda unha declaración de intencións. Ese distintivo na porta dun restaurante significa que traballan con produto autóctono; un produto que en ningún caso sufriu un desprazamento de máis de 100 km. desde o seu porto de descarga, o que converte ás nosas lonxas nunha gran despensa. Tamén é a marca da pesca costeira artesanal, en definitiva: é a garantía do respecto por unha identidade e pola economía local. Un sinal de calidade e de diferenciación que acurta ao máximo a distancia e nisto como en tantas outras cousas, mellor canto máis preto.