Portada » Blog » Viaxe ao centro do Paraíso

Viaxe ao centro do Paraíso

Un encontro na Central Hidroeléctrica do Tambre

Reuníanse sempre na primeira semana de setembro. Comezaran a facelo en 1897. Nos primeiros anos non resultaba fácil. Julio gozaba de máis tempo libre. Non perdera o seu xenio creativo, pero xa non estaba baixo os focos do mundo e podía traballar e vivir con máis tranquilidade. As maiores dificultades presentábaas Antonio. Nesa época estaba no seu mellor momento. Xurdíanlle encargos por toda España aos que debía viaxar de mala gana. Pero o problema maior debíase a que era moi meticuloso. A súa obra era complexa, difícil de rematar. Julio sempre llo botaba en cara: “Hai que resolver, Antonio. Se eu fixese coma ti, non terminaría nin a miña primeira novela”. “Tes razón, Julio. Pero eu non son así. Non teño a túa faísca. Á fin e ao cabo inspírome no crecemento das plantas, e iso sempre é lento”.

Julio pasou a mellor vida a principios do século XX. Antonio sobreviviulle máis de 20 anos. Nunca conseguiu afacerse a reunirse cunha pantasma, pero era imposible resistirse a unha boa conversación co seu amigo francés.

En 1926, un tranvía cruzouse na vida de Antonio. Xa podían reunirse de igual a igual. E agora con máis facilidade para coincidir. Durante anos citáronse en lugares diversos, pero ao final acabaron por facelo sempre nun sitio fixo.

“Ese rapaz é sen dúbida o teu mellor discípulo, Antonio”. “Eu non lle chamaría discípulo, ten as súas propias ideas. O seu traballo é menos vexetal, máis rochoso. Chámanlle historicista”. “Magnífico”. “En verdade que si o é”.

O discípulo era outro Antonio, neste caso de apelido Palacios. E o lugar elixido para as reunións era unha das súas obras galegas máis recentes: a Central Hidroeléctrica do Tambre, á que os nosos amigos chamaban “a catedral industrial de Galicia”.

Esta fermosa colección de edificios modernistas atopábase illada no centro dun bosque de carballos, loureiros e salgueiros. As comunicacións para chegar eran as xustas. No recinto hidroeléctrico tamén convivían os restos dunha antiga pesqueira. De aí o nome do establecemento hostaleiro do que gozaban as pantasmas: Hotel de Natureza “Pesqueira do Tambre”. Alí pasaban horas sentados nunha terraza á beira do río. Adoraban esa tranquilidade. A Antonio tamén lle fascinaba a explosión de vexetación que lles rodeaba. Pensaba que se el fose o arquitecto, ensimesmaríase con esa compañía verde; pero Palacios debuxou a central co seu estilo máis pétreo, entre un castelo guerreiro e un de conto.

Julio gozaba especialmente cos paseos polo lugar. A lamprea non era o seu, pero gustáballe visitar os restos da pesqueira. Ou chegar ata a devesa do Nimo. Tamén se divertía pasando a ponte colgante. “Aquí Noia, aquí Outes. Aquí Outes, aquí Noia”, adoitaba exclamar mentres o percorría a unha velocidade que provocaba algo máis que un lixeiro abalo. Antonio, moito menos aventureiro, sufría acompañando ao seu atrevido amigo, pero en xeral a semana de estancia resultaba moi pracenteira para ambos. Comían ben, descansaban a gusto e tomaban café ou té ao bordo do río, que era case un lago neste lugar. Todo transcorría coa máxima tranquilidade, sen interferencias do mundo exterior. Con moita calma. O resto dos visitantes apenas reparaban nese par de venerables anciáns con curiosas vestimentas. Ninguén causaba molestia algunha. Moita xente facía fotos, algúns preguntaban pola posibilidade de abrir un museo con tódalas pezas antigas da central, outros realizaban roteiros de sendeirismo ou baixaban en planadora ata o estuario do Tambre. Os nosos protagonistas acompañábanos algunha vez, xa que sentían especial deleite en pasar polos arcos de Pontenafonso.

“Isto é o paraíso, Antonio”. “Pois escribe un conto. E ponlle un título ao teu estilo: Viaxe ao centro do paraíso. Que che parece?”. “Pois non o descarto, pero sen présa”.

“Estás a facerte vago, Julio”. “Mira quen fala, Billy o rápido! Mira, terminarei o conto canto ti acabes a Sagrada Familia, que che parece?”. “Ai, ese foi un golpe baixo”.

Como chegar: Desde a vía rápida AG-56 tomar a saída nº 27 Lousame-Sampaio-Noia, en dirección a Santa María de Roo, e seguir as sinalizacións ao Hotel Pesqueira do Tambre. www.pesqueriadeltambre.es