Portada » Blog » Querido Ulises… (homenaxe aos navegantes solitarios)

Querido Ulises… (homenaxe aos navegantes solitarios)

Un recordo para a regata 2018 URGO – LE FIGARO

Mentres escribo estas liñas, imaxínote na ponte do teu barco; vista á fronte, mirando cara a cara ao destino; ausente de todo o que te rodea, sexan temporais, tentacións ou sufrimentos.

Kavafis ofreceuche un consello, que era desexo:

“Cando emprendas a túa viaxe a Ítaca

pide que o camiño sexa longo,

cheo de aventuras, cheo de experiencias».

Os nosos mares son distintos. O teu Mediterráneo é un mar enganoso: a súa apracible serenidade convértese en imprevistos temporais pola acción de estraños ventos. Os deuses, soprando con forza, entretéñense facéndonos sentir a nosa insignificancia de forma súbita. Ti coñécelo ben, no teu eterno navegar vícheste sometido a duras probas, sempre superadas grazas á túa convicción e ao desexo de regresar a Ítaca.

O teu corazón estará rebosante: o camiño foi longo e as aventuras, moitas.

O noso mar é diferente, non asume axustarse a unha característica previa. Non admite definicións, nin limitacións; na súa enormidade é case infinito, como o teu navegar. O Atlántico é a porta do todo. Atlas sostiña o ceo eterno, e ese ceo sobre este mar reflectíase.

Os navegantes da regata A  Solitaire 2018  URGO – LE  FIGARO tamén emprenden un camiño longo. De entrada podemos pensar que a súa ruta é moi distinta da túa, que no seu afán todo é présa, buscar o camiño curto, o mellor vento, empuxados polo desexo de chegar primeiro. É unha regata, certamente, pero o importante non é a velocidade ou o resultado, que che vou a dicir a ti! O importante é navegar.

Navegar e chegar a porto. Os portos son parte da navegación. Recíbente alborozados, ofrecéndoche os seus mellores dons.  Alborozados chegan tamén os navegantes. Arribar a porto é por tanto unha experiencia de compartir. Ofrecer e recibir. Intercambiar e descubrir.

“Pide que o camiño sexa longo.

Que moitas sexan as mañás de verán

en que chegues -con que pracer e alegría!-

a portos nunca vistos antes.”

Este ano 2018, a organización da regata propón tomar un rumbo novo, cara á Ría de Muros Noia, A Ría da Estrela, en Galicia. Un lugar onde o misterio transfórmase en lenda, a lenda en crenza, a crenza en misterio… e todo volve empezar, eternamente, como as ondas do mar. Ese mar que todo o envolve, que alcanza os nosos sentidos. Chéiralo, saboréalo, escóitalo, tócalo, velo. Un lugar eterno onde a historia faise pedra a pedra, memoria.

Así eran as rías galegas e así segue sendo a Ría de Muros Noia. Un porto natural que ofrece un amarre próximo aos peregrinos que desexan aproximarse a Santiago, converténdose, por tanto, no auténtico mar de Compostela.

Esta é unha ría na que os primitivos castros se volven mariñeiros (Castro de Baroña). Unha ría na que a excepcional gastronomía é puro mar (os mellores berberechos do mundo, recoiro, Sanmartiños, robalizas, peixe azul…). Na que os museos recollen todo o saber dos homes mariñeiros (Museo do Mar de Noia, Museo Marea de Porto do Son, Museo Sel de Muros). Na que os templos tamén son reflexo dese mar (Santuario Virxe  do  Camiño e Iglesia de San Pedro en Muros, cruceiros e petos de ánimas). Na que montes e miradoiros parecen estar situados para gozar do mar (Monte Tremuzo en Outes, Culou en Lousame, Enxa en Porto do Son) … ou para gozar “co” mar (Monte Louro). Unha ría cun rosario de fermosas praias, onde resulta fácil atopar unha ao gusto de cada visitante (Ancoradoiro, San Lorenzo, Broña, Testal, Aguieira, Queiruga, Furnas…).

O galego é un pobo singular. Estou seguro de que che gustaría coñecelo, Ulises. Poden parecer dotados para un sentido tráxico da vida, no que destaca unha curiosa relación coa morte (Museo de Laudas Gremiais de Noia) ou mesmo co Demo (ao que hai que expulsar do corpo: romaría de San Campio en Outes). Os galegos ofrecen unha primeira impresión de melancolía ou “saudade”, como os seus veciños portugueses; pero é suficiente unha mínima desculpa para que apareza unha gaita e comece unha festa. Un pouco de polbo “á feira”, algo de viño, a tradicional “queimada”… e a celebrar.

Así son, celebran todo e por todo; sexa a abundancia de peixe (Azul de Portosín), ou ben que a historia foi xenerosa (Feira Medieval de Noia) ou simplemente que o mar está aí (Muros mira ao mar).

Fernando Pessoa, atlántico como os desta ría, dinos así: “Navegantes antigos tiñan unha frase gloriosa: navegar é necesario, vivir non é necesario”. Agrádame Pessoa. A ti tamén che agradaría. Ten razón, é unha frase gloriosa. Dese tipo de gloria que só dá o mar. A gloria de Colón, de Magallanes, de Elcano, de Cook, de Cousin. Da túa propia gloria, Ulises, e desa mesma gloria que os participantes da Solitaire 2018 URGO – LE  FIGARO merecen compartir.

Boa proa!