Lagoa de Xalfas e Monte Louro

Un dos grandes escenarios da Galicia máxica

Unha gran mole, con dobre cume, penetra no mar coma un sentinela; tras el, unha lagoa dá acubillo a animais migratorios e a unha curiosa flora endémica; a postal, das mellores da fermosa terra galega, complétase cunha praia, case un estreito istmo, de  finísima area. A variable luz do sol fai o resto: o monte Louro é un refuxio para a imaxinación do home desde hai milenios.

A xigantesca mole  granítica do Monte Louro constitúe un dos escenarios máis representativos da Galicia Máxica. Pechando a ría de Muros Noia polo extremo norte, a súa orixinal silueta de dous cumes (cun máximo de 240 metros de altura), penetra no mar dando renda solta á nosa imaxinación: na súa historia confúndense os mitos e as lendas co recordo de ritos pagáns ancestrais.

A súa peculiar localización proporciona non só unhas fantásticas vistas da ría de Muros-Noia, senón que máis cara ao sur permítenos gozar da península do Barbanza, adiviñándose o Castro de Baroña, e cara ao norte móstranos a praia de Ancoradoiro, co faro de Lariño, e aínda máis ao fondo, o cabo do fin do mundo: Fisterra.

Ascender ao seu cume é un exercicio que require certo sacrificio, pero tamén podemos bordealo, gozando da suavidade da paisaxe, no que a presenza dun faro en punta Queixal constitúe outro punto de interese.

O conxunto conforma un espazo privilexiado desde o punto de vista paisaxístico, xa que inclúe, ademais da fermosa praia virxe de Area Maior, a lagoa de Xalfas, que está declarado espazo de interese natural pola súa gran riqueza biolóxica.

Duns 200 m. de diámetro, a lagoa atópase separada do mar por unha barreira dunar que impide a desembocadura ao mar do río Longarelo.

Neste tipo de ecosistemas tan pechados é relativamente frecuente a presenza dunha peculiar fauna e flora. A lagoa de Xalfas non é unha excepción, o que contribúe a aumentar o atractivo do recinto. Concretamente atopamos especies capaces de resistir a contradición da secura dun escenario case dunar mesturado cunha humidade do aire moi elevada. Destacando, entre unha selección de plantas capaces de fixar as areas, a presenza de Lilaeopsis caroilnensis (coñecido como céspede acuático), sendo esta a única zona de Galicia na que existen exemplares desta especie.

No relativo á fauna tamén atopamos unha curiosa contradición: a principios do verán aniñan especies como o lavanco, a foca común, o mergullón mozo ou o rascón; mentres que pola contra tamén gozamos doutras especies que elixen a zona para hibernar, como o parrulo cristado, asubiador, mazarico ou a garza real. En época de temporais podemos ver araos papagaios ou araos romeiros en busca de refuxio. Gran cantidade de anfibios, réptiles e mesmo londras son tamén parte da familia que este espazo tan singular pon ante os nosos ollos.

leer más