Estuario do Tambre

O río Tambre despídese con elegancia

O río Tambre é o “pai” da ría de Muros Noia e co seu labor de milenios colaborou decisivamente na creación da morfoloxía da nosa ría. Trátase dun río potente e caudaloso, pero que se mostra amable e cariñoso ao verter as súas augas ao mar, entre Outes e Noia. Esta suavidade dá lugar ao Estuario de Tambre, un escenario que conxuga unha serena beleza cun gran valor ecolóxico, que o levou a formar parte da Rede Natura 2000.

A postal máis característica do estuario ten lugar en Pontenafonso. Ao fondo, os montes parecen compoñer unha perfecta escenografía. As xunqueiras tecen con harmonía o seu crecemento. Ponte medieval mostra que, en ocasións, a man do home máis que un problema, pode resultar todo un acerto. Os seus 20 arcos eran necesarios para acoller un río que se despide con anchura crecente. O conxunto transmite unha enorme sensación de serenidade. O tempo parece detido. Como a estrada está desdobrada, serán poucos os vehículos que nos priven da nosa abstracción, o que nos permitirá pasear con comodidade sobre a ponte e estirar a vista, contemplando toda a vida vexetal e animal que encerra este estuario.

leer más