Portada » Blog » O demo nunca estivo tan guapo

O demo nunca estivo tan guapo

A Romaría de San Campio de Ourente (Outes)

Pois que queren que lles diga. Nunca (e cando digo nunca, é nunca) crera neste tipo de cousas. Iso ofendía ou polo menos desagradaba a algúns coñecidos e parentes, especialmente á miña avoa paterna, moi devota ela.

De entrada xa é un oxímoron tentar razoar cousas da fe, pero o conflito gordo vén cando fas ver que eses ritos teñen orixes pagás, moi anteriores no tempo ás crenzas cristiás, e que o único que fixeron foi apropiarse deles. Problema e gordo.

Pero non pasa nada, que á fin e ao cabo tratamos con xentes de boa fe. E de fe trátase. Hoxe no xornal encargáronme un artigo sobre unha desas romarías tan habituais nesta Galicia nosa. “Fermín, vai cubrir isto, como bo galego que es”. E aquí estou, camiño da romaría de San Campio, en San Ourente de Entís, Concello de Outes. Tiven que buscalo no mapa. Non debo ser tan bo galego.

Primeiro un pouco de documentación. Quen era o tal Campio? Algún veciño de Outes que alcanzara a santidade? Pois non, aquí a historia comeza a darme a razón. A finais do S. XVIII un cardeal poderoso pediu ao Papa Pío VI un mártir para venerar, xa que, no seu parecer, nestas terras as crenzas pagás estaban demasiado estendidas.

Un santo de importación.  Desilusionante. Descubro que o Papa lles enviou o corpo dun mártir soldado, que se achaba enterrado nas catacumbas de Roma. Foi convenientemente acicalado, vestido para o combate e introducido nunha urna de cristal. O resultado debeu de ser moi bo porque se conta que as Carmelitas Descalzas de Santiago pretenderon quedar con el alí cando o acolleron nunha parada do transporte. Dicían que en Santiago ía ser moito máis venerado que en Outes.

Pois non sei que dicirlles, porque este domingo 29 de setembro, hai tal multitude de xente que me vin obrigado a deixar o coche nun aparcamento disuasorio creado para a ocasión a varios quilómetros da Igrexa de San Ourente.

Ao final a localidade non eran tan descoñecida. Na proximidade áchanse as Cabanas do Barranco, unhas das pioneiras subidas a árbores das que xa oíra falar varias veces. O ambiente propicia este tipo de iniciativas. Vexo nun folleto turístico que Outes tamén acolle unhas casas de turismo rural cun magnífico aspecto. Os bosques rezuman unha recia tranquilidade. Descubro que a súa madeira estaba considerada como a mellor para fabricar barcos. Iso deu lugar a unha infinidade de serradoiros e carpinterías de ribeira en todo o seu litoral á Ría de Muros Noia. Hoxe a “ruta dos  mariñeiros cos  pés  mollados” (https://www.outesturismo.gal/es/carpinteria-de-ribeira) tráenos o recordo deses tempos nos que centenares de persoas se afanaban xunto ao mar para fabricar  balandros, galeóns e outras embarcacións que hoxe diversas asociacións se esforzan por preservar.

Xa estou xunto á igrexa. Un edificio sobrio sobre o que destaca a fermosa escalinata da entrada. Xunto ao templo uns cantos postos tradicionais evocan décadas afastadas. Rosquillas e candeas. Hainas con todo tipo de formas de órganos ou extremidades humanas. Mesmo as hai de corpo enteiro para os que sofren sen descanso. Penso en comprar unha. Á fin e ao cabo, tras tantas horas fronte ao computador, as costas reséntese.

Asisto á misa. A primeira sorpresa é que non hai bancos, o que parece extrañamente inadecuado para unha multitude entre a que abundan as muletas. A segunda sorpresa é que o santo é citado unha infinidade de veces, pero non se lle ve por ningún lado. Tento descubrilo por min mesmo, pero tamén afino o oído.