Porto do Freixo
Un dos grandes centros do marisqueo de Galicia
A súa ribeira é con frecuencia un fervedoiro de xente que se levanta moi cedo para dedicarse á extracción do famoso berberecho desta ría, aínda que tamén hai lugar para excelentes ameixas ou mesmo recoiro.
O berberecho é o indiscutible rei da Ría de Muros Noia, a súa cantidade, calidade e tamaño convérteno nunha auténtica xoia gastronómica, que leva aparellada unha notable rendibilidade económica.
Para coñecer a fondo esta actividade, o Concello de Outes organizou “Vivir o marisqueo” (ver sección experiencias), a forma perfecta para achegarte á extracción dos moluscos… e acabar gozando dos seus sabores.
Ademais das embarcacións de pesca e a lonxa, no porto do Freixo atoparás un bo número de restaurantes e mesóns onde degustar un produto que foi obtido a tan só uns centenares de metros, co que a súa calidade inicial vese reafirmada por unha frescura indiscutible.
No seu pantalán tamén poderás ver algunha embarcación tradicional, como o balandro Joaquín Vieta, unha estampa clásica da ría; pero aínda nos reserva outros atractivos, como o Centro de Actividades Náuticas Francisco Rama “ Fufú” (ver experiencias) e a súa veciña: unha pesqueira tradicional en desuso, pero que aínda conserva perfectamente a súa estampa.
En 2022 tivo lugar a edición inicial da Feira Náutica do Freixo. Un evento que, a primeira fin de semana de xullo, entreterá aos visitantes cunha serie de actividades unidas polo mar.
Diversas casetas expositoras, concertos, visitas guiadas por terra ou roteiros en embarcacións tradicionais mostrarannos a estreita relación entre Outes e o mar.
leer más