Papeleiras do Río Vilacoba
A natureza pugna por recuperar o seus dominios: antigas fábricas de papel de Lousame
En tempos menos tecnificados, a calidade da auga era imprescindible para a fabricación de papel, por iso moitas fábricas situáronse nas ladeiras dos ríos Vilacaboa e San Xusto de Lousame. Hoxe en día esas papeleiras son unhas ruínas que a natureza pugna por recuperar, nunha batalla que parece gañada de antemán. A calidade da auga segue presente, sen alteracións, proporcionando un ambiente sereno que redondea a beleza decadente que atrae toda a nosa atención.
Unha ruta de sendeirismo de gran éxito anímanos a percorrer o territorio destas vellas fábricas, ampliando o percorrido ata as minas de San Finx e o Mosteiro de Toxosoutos, o que a converte nunha das mellores rutas da comunidade galega.
En primeiro lugar atopamos as antigas Papeleiras de Brandia, á beira do Rio San Xusto. Estas vellas fábricas transpórtannos a unha época de moito traballo e dotan a todo o recinto dun ambiente misterioso, de gran atractivo natural e paisaxístico.
Na seguinte aldea (O Castro) temos as aínda impresionantes ruínas da maxestosa fábrica de papel de Fontán. Neste tramo, e debido a que o río non salva desniveis importantes, o curso do mesmo chega a formar algunha pequena praia fluvial como a que atopamos un pouco antes da aldea de Cerquides, preto das ruínas da fábrica de papel da Galiñeira, a terceira no noso camiño.
Durante todo o tramo, a beiras do Vilacoba, fórmanse saltos de auga, aínda que noutras zonas a auga circula mansa. Entraremos en contacto íntimo coa natureza e coñeceremos a historia do pasado, os enxeños hidráulicos que forman parte da cultura popular doutros séculos. Papeleiras, canles e muíños, conforman un sistema de aproveitamento ecolóxico da auga.
A ruta das fábricas de papel de Lousame é un bo exemplo de como a natureza adoita apropiarse do que é seu, creando unhas estampas insólitas, onde a vexetación e as pedras establecen unha contorna única. Un carreiro que mostra un patrimonio industrial, envolto polos fentos, as árbores e o musgo.
leer más