Museo Mineiro de San Finx

Unha oportunidade extraordinaria de viaxar no tempo e na memoria dun pobo

A recreación dun poboado mineiro, con espazos museísticos e un gran respecto polas historias persoais conforman un espazo único, que te permitirá viaxar no tempo a través da historia da minería, descubrindo todos os seus vaivéns, os seus contrastes, os seus períodos febrís e co denominador común do esforzo dunhas persoas por obter o valioso mineral desde as profundidades da terra. Sen dúbida atopámonos ante un dos máis curioso produtos de turismo industrial de Galicia.

O xacemento mineiro de San Finx está presente na historia universal da minería desde a Idade do Bronce, cun papel esencial no comercio dos  fenicios. Na baixa Idade Media segue constatándose a explotación do estaño, probablemente destinado aos talleres de ourives de estaño e prata en Santiago de Compostela. Pero é a finais do século  XIX cando San  Finx adquire maior relevancia histórica, coa creación da sociedade de capital británico  The San  Finx  Tin  Minies  Limited: a primeira explotación de volframio iniciada en España e unhas das primeiras de Europa. A explotación dispón das instalacións técnicas máis avanzadas e chega a darlles traballo estable a 400 persoas. En 1940, a mina pasa a ser propiedade da empresa de capital español Industrias Galegas S.A. Na II Guerra Mundial, coa chamada febre do volframio, San Finx convértese nun foco industrial de interese estratéxico. Tras a guerra, a produción normalízase, manténdose ata o ano 1990, no que se suspende a explotación, retomándoa en 2015.

O depósito de San Finx foi declarado como Punto de Interese Xeolóxico polo Instituto Xeolóxico Mineiro de España, ademais a súa contorna representa un espazo natural de gran beleza e interese biolóxico. Trátase dun espazo constituído por filóns de cuarzo que se estenden ao longo duns dous quilómetros. A súa composición indica temperaturas de formación relativamente baixas (200º C a 300º C) e posúe unha riqueza en estaño e volframio pouco frecuente en depósitos europeos.

Respecto do patrimonio industrial mineiro, San  Finx consta dun conxunto de labores, equipamento e instalacións que reflicten a evolución da mina en máis dun século de actividade. Destacan, ademais dos labores superficiais de tempos antigos e os pozos máis recentes, os elementos construtivos conservados (almacén, lavadoiro  gravimétrico, edificio de  compresores e enganche eléctrico, armazón do pozo novo…). Nesta arqueoloxía industrial, fai falta sinalar tamén a existencia de equipos, algúns en perfecto uso, como  separadoras magnéticas de bandas cruzadas, forno de  fundición de estaño ou  compresor, entre outros.

 

leer más