Lonxas e mercados

Reflexo do carácter pescador e marisqueiro

O eminente carácter pescador e marisqueiro da nosa ría é algo que palpamos con facilidade en canto chegamos a ela. Do mar non chega soamente riqueza, representa tamén un aceno cultural e patrimonial que marca case todos os aspectos da vida social dos nosos concellos.

Desta relación tan estreita co mar, podemos favorecernos como turistas: gozando nos nosos restaurantes e mesóns duns produtos de altísima calidade que farán as nosas delicias. Pero aínda podemos achegarnos un pouco máis a esa realidade: podemos coñecer as lonxas. Gozar co seu bulicio, descubrir a forma de traballar desas persoas que tanto madrugan, coñecer os produtos… e mesmo compralos.

Na nosa ría temos lonxa no Testal (Noia), no Freixo (Outes), no porto de Muros e nos de Porto do Son e Portosín.

Cada unha coas súas características e peculiaridades, pero todas cun sabor especial.

Tamén resulta moi suxestivo o paseo polas prazas de abastos. Alí atoparemos, ademais dunha gran selección dos produtos do mar, unha boa mostra de produtos da terra. Un paseo entre cores e cheiros que atraerá a nosa atención.

Temos unha boa mostra de mercados ou prazas de abastos en Noia, Muros (un edificio extraordinario, que só pola súa arquitectura xa merecería a visita) e en Porto do Son.

Dá un paseo polas nosas lonxas e mercados, verás como non te resistes a levarte un pouco de nós.

 

leer más