Central Hidroeléctrica do Tambre

O modernismo e a natureza sempre da man

En 1924, o prestixioso arquitecto Antonio Palacios, máximo expoñente do modernismo en Galicia, deseñou un edificio para albergar a instalación dunha central hidroeléctrica. Esta sorprendente construción pasou así a formar parte dun magnífico conxunto de edificios que se sitúan sobre a beira do Río Tambre, nun escenario de gran beleza paisaxística.

Na antiga Pesqueira do Tambre, que antes servía de aloxamento para os empregados da empresa, atopamos hoxe un hotel de natureza, mentres que o edificio coñecido como “A casa dos Frades” está acondicionado para celebrar diferentes eventos. Como curiosidade, outra edificación acolle un museo sobre a lamprea.

Un frondoso bosque de carballos, loureiros ou salgueiros anímanos a gozar dunha zona magnífica para comidas campestres, ademais de ser un punto inicial para rutas de sendeirismo. Conta cunha rechamante ponte colgante desde a que contemplamos antigas pesqueiras e tamén nace alí un percorrido sobre a devesa do Nimo e a beira do río Tambre.

O Tambre, que máis adiante recupera o seu ímpeto, móstrase nesta zona como un lago, contribuíndo a crear unha atmosfera romántica propia de principios do século pasado. A zona de esparexemento, á beira da auga, lémbranos tempos da Belle Époque, mentres gozamos dunha vexetación exuberante.

leer más