Castro de Baroña
Un lugar único cheo de beleza maxia
Acabaremos sospeitando que os nosos antepasados sempre tiveron unha notable atracción polas paisaxes, doutra forma non entenderiamos porque elixiron uns lugares tan fermosos para construír os seus poboados. O Castro de Baroña non é precisamente unha excepción, se non máis ben todo o contrario. A espectacular localización deste castro, nunha elevada península á beira dun gran areal, convérteo nun lugar único cheo de beleza e maxia.
Ademais de ser un dos lugares máis espectaculares e recoñecidos da Ría de Muros Noia, o extraordinario castro situado en Porto do Son destaca pola súa singularidade. Esta característica ven dada non só polo deseño da súa construción se non por atoparse situado nunha pequena e abrupta península unida a terra por un diminuto istmo arenoso, que aos poucos se converte nunha fermosa praia de media lúa.
Habitado dende a segunda Idade de Ferro ata ben entrada a época romana, a súa apariencia actual data do cambio de era (século I a.C ata I d.C). Na súa construción destaca unha estrutura baseada nun complexo sistema defensivo, que se vía favorecido pola súa disposición peninsular.
Descuberto en 1933 e declarado Monumento Artístico Nacional, ten unha primeira liña de foso e unha muralla seguida doutra que delimita os recintos. Unha entrada principal e tres plataformas, onde se atopan agrupadas máis de trinta vivendas perfectamente adaptadas ás irregularidades do terreo, de planta simple e forma circular ou ovalada.
Algún destes espazos destinábase a traballos artesáns, almacenamento…e como corresponde a un castro costeiro, atopáronse restos de cunchas, espiñas, moluscos e mariscos acumulados na zona do mesmo denominada “concheiro”.
Resulta imposible pasar por alto a praia que o castro ten aos seus pés: Area Longa. Un areal para gozar de augas tranquilas e que en tempos supuxo un medio de vida para os habitantes do lugar.
O Castro de Baroña é unha das imaxes máis recoñecibles das campañas publicitarias de turismo en Galicia. Fermoso a calquera hora do día, á tardiña redobra os seus encantos, ofrecéndonos unha das mellores postas de sol que xamais veremos.
A entrada ao castro é libre e gratuíta, uns paneis proporcionan información, pero para axudar a coñecer este recinto creouse o Centro de Interpretación do Castro de Baroña. Situado nun edificio singular do século XIX (antigo concello) do centro histórico da vila mariñeira de Porto do Son. A través de paneis, maquetas e obxectos orixinais atopados nas escavacións podemos coñecer mellor a vida dos habitantes dun dos castros costeiros máis representativos de Galicia.
leer más