Antigas industrias
Dentro dos amantes do # TurismoIndustrial, hai unha sección de auténticos seareiros do aspecto “arqueolóxico” do mesmo. Son aquelas persoas que gozan especialmente visitando ruínas de antigas fábricas, descubrindo vestixios de fábricas de salazón ou visitando factorías que cambiaron a súa razón de ser.
Entendemos perfectamente este interese: por unha banda as referencias históricas fannos sentir parte dunha tradición, doutra banda lembramos cousas da nosa infancia ou cousas contadas polos nosos maiores; podemos visitar o que queda delas e lembrar, metade imaxinación, metade memoria.
Imos dar só unhas pinceladas, porque os afeccionados á arqueoloxía industrial son partidarios de descubrir as cousas por si mesmos. Propoñerlles unha visita ao Museo Mineiro de San Fix, ou ao Muíño do Pozo Cachón, ou á antiga fábrica Sel, pero iso xa o atoparán no apartado de EXPERIENCIAS, eles queren que os orientemos a outros camiños.
Por exemplo, queren que os levemos ata a ponte sobre o río Traba en Noia e deixarlles atopar os restos de maquinarias de antigas factorías. Queren que oss animemos a realizar o roteiro de sendeirismo do río Vilacoba en Lousame, para contemplar as antigas fábricas de papel, hoxe devoradas por unha natureza exuberante; queren que os animemos a descubrir as antigas fábricas de salgadura, orixe das empresas conserveiras, das que temos mostras por toda a nosa costa, algunhas reconvertidas en restaurantes ou almacéns (exemplos notables en Portosín), outras en estado ruinoso, ás veces cun pequeno impulso de rehabilitación que nos permite identificar perfectamente a súa estrutura. Pasea pola nosa senda litoral e verás exemplos a eito.
As antigas carpinterías de ribeira de Outes (“ruta dous carpinteiros cos pés mollados”) entrarían perfectamente neste apartado, e tamén os serradoiros.
O Museo do Mar de Noia, actualmente renovando as súas instalacións, mostraranos un exemplo de antigos motores de embarcacións fabricados en Noia, de marcas como O Forte ou Aion (Noia ao revés), aínda en perfecto estado de funcionamento. Un exemplo da puxanza doutros tempos.
En definitiva, moito que descubrir.
leer más