Portada » Blog » Aquí hai algo que non encaixa

Aquí hai algo que non encaixa

Toxosoutos dorme aniñado baixo un manto verde

Hoxe abandonamos a costa para introducirnos uns poucos quilómetros no interior. Da auga non nos separamos. Iso nesta ría é imposible. Deixamos o mar, pero fómonos xunto ao río San Xusto. Estamos en terras de Lousame, e esta é unha das súas xoias escondidas.

Resolver unha dúbida é o que nos achegou ata aquí. Hai algo que non encaixa e queremos desentramalo.

Vexamos: sempre se nos dixo que o misticismo precisaba dun escenario adecuado. Para alcanzar esa unión coa divindade era necesaria unha paz contemplativa. Nada mellor que as chairas castelás para tal fin.

Eses horizontes afastados e rectilíneos ofrecían o perfecto decorado para volverse  asceta. Para pensar en cousas que nos superan. Para dar un salto do humano ao divino. Para imaxinar e esquecer os quefaceres cotiáns. Frei Luís de León, San Juan da Cruz e Santa Teresa de Jesús son os preclaros exemplos desta mensaxe.

Unamuno, vasco el, pero salmantino de adopción, buscaba unha explicación a ese misticismo da alma castelá, xeralmente entendida como tosca e seca. E el tamén o atopaba na paisaxe: “Non hai aquí comuñón coa natureza, nin nos absorbe esta nas súas espléndidas exuberancias; é, máis que panteística, unha paisaxe monoteística este campo infinito en que, sen perderse, achícase o home, e en que sente, no medio da seca dos campos, securas da alma” (A alma de Castela).

Galicia é moi diferente, case oposta. A variada beleza da nosa contorna lévanos a un constante sobe e baixa que impide a divagación. Desta formulación podería xurdir un complexo de inferioridade: casteláns conectados co máis aló e galego aferrados ao terruño, sería o resumo.

Quizais para loitar contra iso construímos mosteiros tremendos, como o de Oseira, o de Celanova, o de Sobrado dos Monxes, o de Monfero, o de San Martín Pinario, o de Samos ou o de Santo Estevo de Ribas de Sil. Sóbrannos os exemplos.

Pero non é o caso do noso protagonista de hoxe, un pequeno mosteiro case oculto á nosa vista. Certo é que o seu poder estendeuse por un amplo territorio, pero vítima de moitos movementos tácticos, do seu afastado esplendor só quedou unha pequena mostra de bo gusto.

Pero moi bo gusto! O Mosteiro de Toxosoutos atópase comprimido entre recodos do río San Xusto. Entre fervenzas e pontes. Entre fentos e musgos. Nun escenario onde todas as tonalidades posibles da cor verde só se ven interrompidas polo ton dourado que en ocasións, e só en ocasións, loce a fachada da sobria igrexa barroca.

Ao seu lado outros pequenos edificios axudan a conformar un recinto moi peculiar. Un lugar para refrescarse no verán ou para que o resto do ano, ben abrigados, desafiemos a humidade reinante e contemplemos esta explosión de natureza entre augas cristalinas.

E unha vez que xa nos puxemos a contemplar, poderemos concluír que ao misticismo tamén se pode chegar a través dunha beleza próxima, a dunha obra de arte feita por ríos e plantas e que non ten nada que envexar a un amencer na meseta. E nada en que parecerse…

Ven a descubrir o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos en Lousame, Ría de Muros Noia. Acharalo xunto á AC-543 (antiga estrada Noia–Santiago). Se circulas polo corredor rápido, CG 1.5, toma a saída 27 cara a Lousame, está a moi poucos quilómetros e atoparás sinalización suficiente para chegar.