Top
 

PORTO DO SON NOIA - EL LADO SUR (18,9 km)

Descargar Sur .KMZ

Porto do Son.

Antes de comezar a camiñar, o viaxeiro terá visitado o Castro de Baroña, lugar ao que se lle poden poñer todos os adxectivos que salpican as guías de turismo para referirse aos lugares máis destacados, abraiantes, singulares, míticos, sorprendentes…

Cumprida esta obriga, situámonos no miradoiro da Atalaia. A pequena acrópole de Porto do Son domina a vila, pero sobre todo permite botar unha ollada ao estado do mar máis alá da bocana da Ría, antes de sacar os barcos do protexido peirao. Un paseo pola vila lévanos entre rúas e acolledoras prazas, nas que podemos sentar a tomar unhas viandas para coller forzas. No Marea, Museo da Memoria Mariñeira, achegámonos ao pasado recente deste núcleo de xentes do mar.

Pasada a igrexa de San Vicente de Noal, abrénse as praias. Son os últimos grandes areais no interior da Ría. Primeiro Cabeiro e Aguieria, de areas brancas e finas, zonas tranquilas que en calquera época do ano parecen dar acougo ao noso espírito. É curioso comprobar o contraste entre esta liña de costa, máis aberta, con fondos entrantes da beira norte, como o de Esteiro. É nestas zonas máis protexidas, tamén detrás do illote da Creba, onde mellor acubillo teñen as bateas, cargadas de mexillóns e tamén ostras.

Non os vemos dende o camiño pero seguramente estannos a vixiar espíritos do pasado. Nas ladeiras que suben dende as praias escóndense conxuntos de petróglifos únicos. Queda a elección de cadaquén desviarse da ruta marcada.

 

De Portosín a Noia.

Xa na seguinte praia, a de Coira, as tornas poden cambiar segundo o momento do ano. Trátase da praia de Portosín, vila mariñeira e vila turística que multiplica a súa actividade no verán. Sabemos que nestas localidades convén saírse de ruta. A pé de camiño e ao longo de todo o rueiro, xórdenos a oportunidade de degustar os sabores do mar. O porto pesqueiro da paso ao porto deportivo, o máis importante da Ría; é o Real Club Náutico de Portosín, onde amarran os barcos os afeccionados ao mar das Terras de Compostela. Nun bo día, veremos o peirao baleiro, ollamos entón para o mar e alí estarán os barcos de recreo, no medio da Ría, gozando desa mestura entre o illamento que ofrecen as augas e a tranquilidade de saber que enseguida podes retornar ao bulicio.

Ao saír de Portosín ata Boa, xa en terras de Noia, onde tomamos un pouco de altura para mellora as vistas. Por baixo de nós, na costa aínda aparecen algunha pequenas calas. Dende Taramancos, baixamos á ultima delas, preto do porto de Testal. Aquí comenza os espazo natural do Esteiro do Tambre, que abrangue a liña costeira e as augas do fondo da Ría.

Unha moderna ponte ofrécenos a posibilidade de cruzar as augas por diante de Noia, pero desbotamos a proposta. Seguimos polo camiño de sempre para entrar, por fin na vila. Uns poucos pasos máis e chegamos a San Martiño de Noia, punto de contacto entre todos os sectores da ruta. Antes de seguir, perdémonos pola Alameda e visitamos o Museo das Laudas Gremiais.

Descargar Sur .KMZ
You don't have permission to register