Top
 

NOIA FONTEFRÍA - LAS TIERRAS DEL INTERIOR (12,3 km)

Descargar Interior .KMZ

Noia.

Imaxinamos que o camiñante procede de Muros ou Porto do Son, ou xa percorreu estes dous sectores da nosa Ruta da Ría de Muros-Noia. A vila non é, por tanto, punto de partida, senón un perfecto cambio de etapa.

En calquera caso, teñas os pés xa cansos ou comeces aquí a túa andaina, non esquezas visitar a vila antes de partir. A zona de beiramar mira cara ao fondo da Ría, non se divisa o mar aberto. A Alameda invita a sentarse a tomar un refresco nas terrazas ou un café recollidos tralos cristais, segundo a época do ano. Na zona histórica son numerosas as fachadas que paga a pena pararse a mirar; entramos na Igrexa de San Martiño e no Museo das Laudas Gremiais, se non o fixemos xa.

Dende aquí xa tomamos camiño. Tranquilo e suave en tanto chegamos a Ousoño. A partir de aquí buscamos a altura, buscamos camiños por riba das zonas habitadas. Xa no municpio de Lousame o mar non se ve, pero aínda está presente na atmosfera. Os pequenos vales, os prados e as hortas, son agora os nosos compañeiros de viaxe. Pero, anque cruzamos aldeas como San Paio -preto están as ruínas dunha antiga fábrica de papel-, durante boa parte do traxecto, as casas serán máis ben imaxes ao lonxe.

 

San Xusto.

Imos remontando o río San Xusto, entre a fraga. Parece que, nun abrir e pechar de ollos, nos colocamos nas paraxes máis fermosas da Galicia interior. Cando aínda resoan na nosa cabeza as ondas do mar, xorde o murmurio do regato. Mentres imos asumindo este cambio, chegamos a Toxos Outos, un contorno que pide tempo para amosar todo o que pode ofrecer.

O mosteiro de San Xusto de Toxosoutos (Toxosoutos, Toxos Outos… a grafía vacila cando quere recoller os nomes seculares) foi grande; grande edificio e un grande terratenente en Galicia. Os libros e a memoria falan dun mosteiro medieval que alcanzou grande sona e poder, pero iso queda lonxe. Daquela gloria só resta a vella igrexa; da súa decadencia, queda a histori do seu claustro, vendido e levado a Noia.

A riqueza que agora rodea ao templo a achega a natureza, destacando a fervenza das proximidades.

Detente canto queiras, mais nalgún momento haberá que retomar camiño, seguir un pouco máis ata Fontefría, onde remata a nosa Ruta.

Descargar Interior .KMZ
You don't have permission to register