Top
 

MUROS NOIA - A BEIRA NORTE DA RÍA (42.9 km)

Descargar Norte .KMZ

A vila de Muros.

No sector norte comezamos en Muros. Poucos lugares hai en Galicia que conserven de igual xeito a súa fachada marítima tradicional. Goza este porto dun pasado que o converte nunha das capitais históricas de Ría, á que lle da a metade do nome.

Imprescindible pasear baixo os soportais e perderse logo polas calellas da zona antiga. Visitamos a vella Colexiata, exemplo do gótico mariñeiro. Saíndo de muros pola costa, en calquera dirección, van xurdindo as ruínas das antigas fábricas de conservas que, dende a do século XIX e principios do XX, fixeron desta ría un gran centro pesqueiro, coa sardiña como protagonistas.

Pasamos por diante do Santuario da Virxe do Camiño e, sen percibir que saímos de Muros, estamos xa en Serres, co Pozo do Cachón, un muíño de mareas que esperta a curiosidade do viaxeiro.

Cara a Outes.

Rodeando a costa temos sempre de fondo o polígono de bateas, estampa característica coa que tiraremos, sen dúbida, máis dunha fotografía.

Pasando Abelleira, podemos achegarnos á foz do río Rateira que, pechada por unha barra de area, crea unha lagoa apenas aberta ao mar. Trátase dun destes recantos onde a Ría amosa a súa diversidade. Cada río, cando chega ao seu fin, crea un ecosistema distinto: segundo o caudal que teña o río, o aberta que estea a desembocadura cara ao mar ou a profundidade do fondo crea unhas condicións distintas de salinidade ou de exposición ás mareas, o que incide tan microfauna e nas posibilidades de cultivos marisqueiros.

Comezamos a coller cota. Baixamos e de novo subimos preto de Esteiro. A nosa vista se amplía, o que compensa o esforzo. Ao fondo, Porto do Son, Portosín e os cumios do Barbanza, que prometen fermosas vistas cara a dúas rías, esta de Muros-Noia e a de Arousa. Entre as dúas vilas, divisamos a praia de Aguieira… toda unha invitación.

Logo de afastarnos do mundo uns quilómetros, en plena natureza, chegamos a Vilariño. Estamos xa en Outes. Por baixo de nós o resgardado porto do Freixo, cos seus estaleiros, herdeiros de xeracións de carpinteiros de ribeira.

Visitamos o Cruceiro de Roo deixando detrás de nós, e só momentaneamente, o mar. Bordeamos a vila da Serra de Outes. Adiviñas de onde toma o seu nome? Coidado, non te deixes levar polo sinxelo, non hai grandes cadeas montañosas por aquí. Temos que pensar, antes ben, no traballo da madeira, nas serras que fornecían de materia prima aos estaleiros; un punto clave de conexión entre o mar e os montes que o rodean.

A ruta parece circunvalar o núcleo, na procura dos santuarios de Ourente e O Ríal, pero está nas nosas mans baixar á vila a repoñer forzas.

 

Cruzando o Tambre para chegar a Noia.

E volvemos buscar a Ría. Enseguida outros dous esteiros de paisaxe diferente: primeiro vemos o do pequeno río Tins e, ao cruzar o bosque, xorde xa o tramo final do río Tambre. Ambos forman parte da Rede Natura 2000, que se estende tamén ata O Testal.

Abaixo, cruzamos o Tambre pola ponte Nafonso. Leva facilitándonos o paso dende tempos medievais, se ben perdeu as súas formas góticas e o que observamos hoxe o debemos principalmente á reforma do século XIX.

Dende a localidade que toma o nome da ponte camiñamos á beira do esteiro ata virar xa cara á vila de Noia.

Estamos no porto de Compostela. A Igrexa concedeu importantes vantaxes á esta vila, que foi a súa saída ao mar; era o “Portus Apostoli”. De estes privilexios nace o seu porte de vila señorial. Imprescindible visitar o Museo das Laudas Gremiais ou a igrexa de San Martiño, onde pomos fin a este tramo da nosa viaxe.

Descargar Norte .KMZ
You don't have permission to register